martes, 20 de septiembre de 2011

O románico de Pantón; Un fito do románico mundial


O barroco galego é un fito do barroco mundial.
Castelao, Sempre en Galiza.


Estes días por casualidades da vida tiven que percorrer algunhas desas xoias románicas que o concello de Pantón atesoura pero que nós non nos decatamos de que existen ou que se o facemos, poucas veces lle damos a importancia requerida debido ao costume de transitar eses lugares. É algo similar ao que pasa cando un estudante en Santiago vai deixando de percibir a grandeza da zona vella compostelana a medida que o tempo na cidade vai pasando.

Cartel explicativo do concello
Unha delas foi a igrexa románica de San Fiz de Cangas, onde seica hai enterrado algún da casa do conde de Espasantes, Cangas ou San Fiz... Eso non está moi claro. A igrexa ata fai ben pouco non contaba con ningún tipo de explicativo para quen por alí pasase, pero varios anos despois de promover a rota do románico o concello tivo a ben chantar alí algo para que a xente poida saber que é un templo do século XII entre outras cousas.

A min personalmente gústanme moi certos detalles grabados na absida que revelan a mentalidade da época e que son seguramente un fito do románico mundial. Como o é todo o románico de Pantón. 
Detalle da absida


Outros detalles desta anterga igrexa son o grabado na súa porta principal ou a xanela do altar que ten dous grabados moi peculiares.
Xanela do altar da igrexa
Detalle da porta de San Fiz


Ademáis nesta mesma parroquia do concello de Pantón podemos atoparnos un antigo santo cristo tallado en madeira dun valor incalculábel. O orixinal está gardado non sei se a bo recaudo dos ladróns que, moi probablemente levaron o códice calixtino, en Lugo. O que podedes ver na imaxe é unha réplica exacta posta no lugar onde durante moitos anos foi exposto o orixinal para goce dos fieis. Tódolos anos nesta parroquia se fai unha comida campestre en Xullo para celebrar o santo cristo. Durante esta festividade o orixinal é traído a parroquía para celebrar os (non sei se santos ou non) oficios.

Santo cristo de San Fiz de Cangas
Outra xoia aínda máis impresionante é o mosteiro de Eiré, polo que paso moi acotío mais ao que nunca lle saquei unha foto. Prometo facelo e se me esquezo podedes tirarme das orellas para poñelo aquí e darlle bombo, que boa falta lle fai debido ao pouco que o fan as nosas entrañabes autoridades municipais, provinciais e autonómicas.

Hoxe andiven tamén polas augas santas, en Pantón (a parroquia que non o concello), onde se fai unha romaria moi típica a onde ven xente de moitos recantos a xantar de campo. As augas santas son augas sulfurosas ou desas que cheiran a ovos podres que seica son boísimas para todo mal do corpo e que os vellos sempre invitan a beber cando un se pasa polo manantial público que alí hai. Fai uns anos ergueuse preto do manantial un balneario que leva o mesmo nome e que está o lado do antigo xa ruinoso. Pero eso xa noutra ocasión que senón esta entrada desmándaseme entre fotos e parrafada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario