lunes, 2 de abril de 2012

Un paseo pola Ribeira do Cabe

Areas é unha aldea situada no sur lucense en plena Ribeira Sacra, no concello de Sober e entre as ribeiras de Pantón e Sober que separa o Cabe. Conta cun apeadeiro moi empregado no pasado polas xentes do lugar e que está a medio camiño na liña que une Monforte de Lemos e Ourense. A paisaxe para o camiñante que se atreva a moverse por estas ribeiras pode ser impresionante...
Areas desde a Ribeira de Pantón, Apeadeiro e vía do tren

Devesas, regatos, socalcos, algún que outro petroglifo nas parroquias lindeiras... Son algunhas das cousas que ofrece este lugar. No últimos tempos a estrada que conduce a Areas desde o lado de Pantón foi arranxada co que o acceso deica a ponte que une unha e outra beira é doado tamén en coche. Ademáis existen múltiples rutas de sendeirismo para os que estexan interesados neste tipo de actividades de lecer e tempo libre que foron preparadas polas autoridades locais.
Vista desde unha das rutas de sendeirismo preparadas polo concello de Pantón
Son frecuentes as historias que deste lugar se contan e que están aínda no imaxinario popular dos tempos da posguerra e anterior. Historias de estraperlo, de ir pescar de noite, etc. Chama a atención o pouco que desde as corporacións e institucións da zona se está a poñer en valor esta riqueza paisaxistica e cultural, virxe e salvaxe, para fomentar o seu coñecemento, mellora e divulgación. 

O río Cabe ao seu paso por baixo da Ponte que cruza cara Areas
Se un segue as rutas de sendeirismo pode chegar a aldeas coma Budián, rodeadas por un habitat natural inmenso onde predominan os piñeirais, carballeiras, terras de labradío, lameiros... Nesta  aldea un ten a sensación de estar nunha aldea de comezos do século XX ou finais do XIX agás por algún caso de feismo arquitectonico recente. Aínda que o Estado de conservación das construccións é bastante malo.

Vista dos piñeirais en Budián, Pantón.
Bodega con parra, campo de Budián


Horreo da casa do Arias, Budián
Atardecer en Budián, desde a capela da Virxe da Porta


martes, 4 de octubre de 2011

Viaxe a outra beira do país ribeirao

Vista do Sil dende o miradoiro de Cabezoás, Parada de Sil.
Un domingo post-vendimas, co corpo aínda delorido, marchamos algunha xentiña de Sober - e arredores - de visita á outra beira do país ribeirao: as terras de Parada de Sil.

Canón do río Mao.
Sabida é a unidade paisaxística e histórico-cultural que conforman ambas marxes do canón do Sil, por iso nos sentimos coma na casa, pero iso non quita que haxa algunha que outra diferencia. A fundamental radica na distinta orientación das ladeiras: cara o sul, no caso da limesa (=de Lemos), cara o norte a da beira caldelá (=de Caldelas). Esto orixina unha vexetación mediterránea e un cultivo intensivo da terra dende antigo, do noso lado, coa omnipresente paisaxe de viñedo asocalcado, e unha vexetación fraguiza no caso ourensano, que alterna cos viñedos nas ladeiras orientadas meridionalmente. Deste xeito, desplazarse por Parada foi un permanente deambular por paraxes á sombra, entre soutos, e por lugares onde o sol picaba de máis. Pero esta simplificación oculta a gran diversidade de medios e paisaxes da vertende caldelá, coma o impresionante canón do Mao, un micromundo singular dentro da unidade ribeirá.

No aspecto etnográfico, achámonos no que poderiamos chamar o "triángulo dos oficios tradicionais" pois, se de Parada saían os barquilleiros e de Nogueira de Ramuín os afiadores, de Sober exportabamos augardenteiros - ou alambiqueiros - por Galicia adiante.

Historicamente sempre estivemos vencellados os dous lados do Sil, pois os grandes mosteiros do lado ourensán ben que aforaron terras do lado soberino, cando o río corría e o surcaban as barcas, que se mantiveron ata que o encoro veu a asulagar as mellores terras a prezos irrisorios para surtir de luz a outros lugares. Así, veu o "progreso" e rompeu o mundo de relacións económicas "pre-capitalistas" que enlazaban ambas marxes e a xente comezou a emigrar en masa. O país ribeirao despoboouse dende os anos 60, cun brutal acelerón nos 80, coa entrada no Mercado Común Europeo, e parece que da beira caldelá a despoboación foi maior, o que coincide cunha menor incidencia do feísmo cá en Sober - ou é que a nós nolo pareceu -.
Casa Rectoral da igrexa de Parada de Sil.

Comezamos a excursión - organizada pola asociación O Colado do Vento - cun paseo dende a fábrica de luz do río Mao ao lugar de Barxacova, por pasarelas de madeira que permiten camiñar polas empinadísimas vertentes do Mao.
Camiño a Barxacova polas pasarelas do Mao.
Fomos logo ao miradoiro de Cabezoás, cunha panorámica privilexiada do enorme bloque granítico das terras de Bolmente, onde nos dimos conta da rotundidade que realmente ten o canón.

A ribeira de Bolmente vista dende Cabezoás.

Despois dun xantar en Parada visitamos o mosteiro de Santa Cristina, lugar acaído onde deter o tempo e esquecer os quefaceres cotiáns, ao que pertenceron a vila de Pinol e a igrexa de Bolmente, do noso lado, o que testemuña a unidade histórica dos nosos territorios. Dende alí vimos a ribeira de Bolmente e lembramos cando a mocedá dalí cruzaba o río en Barca para vir ás festas de Cadeiras e a de aquí facía outro tanto para ir xantar ao San Bieito a Parada.

A luz entrando na igrexa do mosteiro de Santa Cristina.
Escultura popular de San Bieito "no castiñeiro".
"San Benito Glorioso te Pedimos Por esta tu bendita imagen no Castiñeiro Cures os nosos males si nos Comben E Guianos Por bo Sendeiro. Padre Nuestro".
Igrexa do mosteiro de Santa Cristina do Sil (s. XII - XIII).

Achegámonos logo ao miradoiro dos Torgás, visita obrigada para a xente de Sober, onde mirar de fronte o monte de Cadeiras, con toda a ribeira de Santiorxo ao oeste e o mundo de Chanteiro ao leste. Estamos no punto onde comeza o mundo granítico do canón, cara occidente, e onde as formas se suavizan e se abren, cara oriente, por mor da presenza de rochas pizarrosas máis brandas.
Miradoiro dos Torgás.
Xa na tardiña, achegámonos ao pobo de San Lourenzo, por carreteras imposibles, para ir ver a recén descuberta necrópole de San Vítor.

Necrópole de San Vítor de Barxacova.
Unha agradábel xornada no lugar dos topónimos que enchen a boca: Cristosende, Barxacova, Sacardebois, Purdeus Rabacallos, Lumeares... Nomes que son antídoto contra a desmemoria.


sábado, 24 de septiembre de 2011

O muíño de Ribas Pequenas


O muíño de Ribas Pequenas, no concello Lucense de Bóveda, é un dos poucos na zona do sur de Lugo e pode que da Ribeira Sacra dos que aínda segue en funcionamento trala lenta agonía a que o rural galego foi sometido como consecuencia da industrialización tardía en Galiza. Hoxe en día non son tantas as muiñadas que este vello muíño fai ao día mais sempre quedan románticos que de vez en cando levan alí a moer o pan ou o trigo, porque como di algún dos que regularmente vai moer alí non é o mesmo comer o pan da fariña mercada que da moida no muíño!



Pero este non é só especial por ser un dos poucos que aínda resisten ao envite da globalización e continúa a funcionar en pleno século XXI, é o tamén polo paraxe no que se enmarca. Como podedes ver o tramo de Río no que se atopa esta rodeado de frondosa vexetación entre os que están chopos, carroleiros ou kiwis os cales os propios donos do muíño puxeron nos seus arredores.





Ademais o visitante poderá percorrer os camiños da zona á beira do río e baixo a sombra das árbores que no caso de ser verán serán moi ben aproveitadas. O muíño de Ribas Pequenas e os seus arredores é un deses lugares que non debedes deixar de visitar se transitades de Monforte a Lugo ou viceversa en coche e tedes tempo para desviarvos a dereita moi preto da estrada principal.










martes, 20 de septiembre de 2011

O románico de Pantón; Un fito do románico mundial


O barroco galego é un fito do barroco mundial.
Castelao, Sempre en Galiza.


Estes días por casualidades da vida tiven que percorrer algunhas desas xoias románicas que o concello de Pantón atesoura pero que nós non nos decatamos de que existen ou que se o facemos, poucas veces lle damos a importancia requerida debido ao costume de transitar eses lugares. É algo similar ao que pasa cando un estudante en Santiago vai deixando de percibir a grandeza da zona vella compostelana a medida que o tempo na cidade vai pasando.

Cartel explicativo do concello
Unha delas foi a igrexa románica de San Fiz de Cangas, onde seica hai enterrado algún da casa do conde de Espasantes, Cangas ou San Fiz... Eso non está moi claro. A igrexa ata fai ben pouco non contaba con ningún tipo de explicativo para quen por alí pasase, pero varios anos despois de promover a rota do románico o concello tivo a ben chantar alí algo para que a xente poida saber que é un templo do século XII entre outras cousas.

A min personalmente gústanme moi certos detalles grabados na absida que revelan a mentalidade da época e que son seguramente un fito do románico mundial. Como o é todo o románico de Pantón. 
Detalle da absida


Outros detalles desta anterga igrexa son o grabado na súa porta principal ou a xanela do altar que ten dous grabados moi peculiares.
Xanela do altar da igrexa
Detalle da porta de San Fiz


Ademáis nesta mesma parroquia do concello de Pantón podemos atoparnos un antigo santo cristo tallado en madeira dun valor incalculábel. O orixinal está gardado non sei se a bo recaudo dos ladróns que, moi probablemente levaron o códice calixtino, en Lugo. O que podedes ver na imaxe é unha réplica exacta posta no lugar onde durante moitos anos foi exposto o orixinal para goce dos fieis. Tódolos anos nesta parroquia se fai unha comida campestre en Xullo para celebrar o santo cristo. Durante esta festividade o orixinal é traído a parroquía para celebrar os (non sei se santos ou non) oficios.

Santo cristo de San Fiz de Cangas
Outra xoia aínda máis impresionante é o mosteiro de Eiré, polo que paso moi acotío mais ao que nunca lle saquei unha foto. Prometo facelo e se me esquezo podedes tirarme das orellas para poñelo aquí e darlle bombo, que boa falta lle fai debido ao pouco que o fan as nosas entrañabes autoridades municipais, provinciais e autonómicas.

Hoxe andiven tamén polas augas santas, en Pantón (a parroquia que non o concello), onde se fai unha romaria moi típica a onde ven xente de moitos recantos a xantar de campo. As augas santas son augas sulfurosas ou desas que cheiran a ovos podres que seica son boísimas para todo mal do corpo e que os vellos sempre invitan a beber cando un se pasa polo manantial público que alí hai. Fai uns anos ergueuse preto do manantial un balneario que leva o mesmo nome e que está o lado do antigo xa ruinoso. Pero eso xa noutra ocasión que senón esta entrada desmándaseme entre fotos e parrafada.