![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEhDWCtavGXmj3hfVPmZvOqKN4SF_GAwV63meTZwGwtstXH1Tdw5FCWQpXVJFffbnYId0iE1fxBuYUWDDZ5lrPsi13E6IYreeqihDugttxSnrG6QphKHb_SlR8WXlxpDZqOPcP16W2BdxoU/s320/P1000865.JPG) |
Vista do Sil dende o miradoiro de Cabezoás, Parada de Sil. |
![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEgdVvONGlFck2hpEzwX3EkbHOke03_N6FpvQA6-KP32Yd1psjGajxW0RmouyTATG4MPnrMo4TgvpmCPX_w5dhoUzUL0aVs2G5eBqvxObjXML8StIPV1lKf1cup7JI2z4XSrNFDBkE4cx4k/s320/P1000850.JPG) |
Canón do río Mao. |
Sabida é a unidade paisaxística e histórico-cultural que conforman ambas marxes do canón do Sil, por iso nos sentimos coma na casa, pero iso non quita que haxa algunha que outra diferencia. A fundamental radica na distinta orientación das ladeiras: cara o sul, no caso da limesa (=de Lemos), cara o norte a da beira caldelá (=de Caldelas). Esto orixina unha vexetación mediterránea e un cultivo intensivo da terra dende antigo, do noso lado, coa omnipresente paisaxe de viñedo asocalcado, e unha vexetación fraguiza no caso ourensano, que alterna cos viñedos nas ladeiras orientadas meridionalmente. Deste xeito, desplazarse por Parada foi un permanente deambular por paraxes á sombra, entre soutos, e por lugares onde o sol picaba de máis. Pero esta simplificación oculta a gran diversidade de medios e paisaxes da vertende caldelá, coma o impresionante canón do Mao, un micromundo singular dentro da unidade ribeirá.
No aspecto etnográfico, achámonos no que poderiamos chamar o "triángulo dos oficios tradicionais" pois, se de Parada saían os barquilleiros e de Nogueira de Ramuín os afiadores, de Sober exportabamos augardenteiros - ou alambiqueiros - por Galicia adiante.
Historicamente sempre estivemos vencellados os dous lados do Sil, pois os grandes mosteiros do lado ourensán ben que aforaron terras do lado soberino, cando o río corría e o surcaban as barcas, que se mantiveron ata que o encoro veu a asulagar as mellores terras a prezos irrisorios para surtir de luz a outros lugares. Así, veu o "progreso" e rompeu o mundo de relacións económicas "pre-capitalistas" que enlazaban ambas marxes e a xente comezou a emigrar en masa. O país ribeirao despoboouse dende os anos 60, cun brutal acelerón nos 80, coa entrada no Mercado Común Europeo, e parece que da beira caldelá a despoboación foi maior, o que coincide cunha menor incidencia do feísmo cá en Sober - ou é que a nós nolo pareceu -.
![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEhsIh4MmbURiWpoNqFdODXtHqiTUIyxutzCvUy44qHTA_46TV6BAAvWvvrxZaFiPGjHP1_vTRjabE19GNDyzX92vLxR98nZB8bXwzYbNRngRScSf70IYZTG3NtxL3X6mrZ-cVyVRBzBifU/s320/P1000874.JPG) |
Casa Rectoral da igrexa de Parada de Sil. |
Comezamos a excursión - organizada pola asociación
O Colado do Vento - cun paseo dende a fábrica de luz do río Mao ao lugar de Barxacova, por pasarelas de madeira que permiten camiñar polas empinadísimas vertentes do Mao.
![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEgLSn980o7thaSqMfiZnYFGy9kijJpGtRdf0I6jP7s4ZfN-1iEV_f8NkYLF1DnJEMTnmIZrahWMCSI77qfkAVYQw538EIiHRB2fDJeHlfhaxfy4VAZsh31BdQJxIODGZrtLHZ5vBHAZQGg/s320/P1000848.JPG) |
Camiño a Barxacova polas pasarelas do Mao. |
Fomos logo ao miradoiro de Cabezoás, cunha panorámica privilexiada do enorme bloque granítico das terras de Bolmente, onde nos dimos conta da rotundidade que realmente ten o canón.
![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEhH1piHFhDx_UKe2yJHdtBTDaCtHVJCCAcqyEDizCCVUGEAia_U1rAB-9ECH9XDXC6D5X_LJ_43XSjARNN2gcYHx43xXVuyQxWMIWbpfMxL0jY7C1AXdBIKMDGkWRC0gSxXFOI1LHjhpII/s640/P1000867.JPG) |
A ribeira de Bolmente vista dende Cabezoás. |
Despois dun xantar en Parada visitamos o mosteiro de Santa Cristina, lugar acaído onde deter o tempo e esquecer os quefaceres cotiáns, ao que pertenceron a vila de Pinol e a igrexa de Bolmente, do noso lado, o que testemuña a unidade histórica dos nosos territorios. Dende alí vimos a ribeira de Bolmente e lembramos cando a mocedá dalí cruzaba o río en Barca para vir ás festas de Cadeiras e a de aquí facía outro tanto para ir xantar ao San Bieito a Parada.
![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEhc8qHSDtr7zfvUfNantYvp7h82MMkJK2ZOgNblS1WZlfEtq3tUFqKQ4gwuG6mp_CKnONg3YDGG0YpX1wQA-Rb3buJF1_oTUlKrMLgzDqjFpz12NenxtUKzAEp8YhxmIJ8aEwHje-lW7T0/s640/P1000920.JPG) |
A luz entrando na igrexa do mosteiro de Santa Cristina. |
|
![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEgsYuqm0w9kP-v7J1JzozI7jjcRbpqoy5CTMvTNHz7K6ECMJXImtL_2kKU2r9J_uULGsJqWi8rUn2reGDpmeg0c1FjK_eyGNUIzsu4kZpDzX4zfXuBBdM_PGCv6Rkz7SkvVFG1SGXYXRlQ/s400/P1000878.JPG) |
Escultura popular de San Bieito "no castiñeiro". |
![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEiMP-bX7aoS-FXoOC2zO6pkIdcHG7sCup39TmF8-5Xa_6cVx-f2dxHYCfURbf7IBpcP1HsD5CmzYHwtjw6KTkkidoJ-ygIVKuFHik2v7xAkqeYvKMBRoCueO6KZ0afSCWBwHx19teX6ULM/s400/P1000879.JPG) |
"San Benito Glorioso te Pedimos Por esta tu bendita imagen no Castiñeiro Cures os nosos males si nos Comben E Guianos Por bo Sendeiro. Padre Nuestro". |
![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEik7roKgX-IB0HwW6e6kEXAeLoS3en5rzfdR4-W5EpzMtdAJmcUbwuo5-mcw26rEDw2LE4tl13njPWEXRyB4SzGtF4oTo7nfS6olGsLVIaxy8Rh05Yx_mTDdlBI5iS4oimZDd4gbhufjvQ/s640/P1000883.JPG) |
Igrexa do mosteiro de Santa Cristina do Sil (s. XII - XIII). |
|
Achegámonos logo ao miradoiro dos Torgás, visita obrigada para a xente de Sober, onde mirar de fronte o monte de Cadeiras, con toda a ribeira de Santiorxo ao oeste e o mundo de Chanteiro ao leste. Estamos no punto onde comeza o mundo granítico do canón, cara occidente, e onde as formas se suavizan e se abren, cara oriente, por mor da presenza de rochas pizarrosas máis brandas.
![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEgtkJH-bV8B-FbcTRS5wPgF0mSvv3hTVXPsIrDBgxqdPWz8OVR5HVSkURGe4AhduPxJLc9C8ut8Ynhtelmsd9ljHLci3EHO4BMVTe4ATO_FqGwqg3vtF_0KL6N1_4zusrOCQasBt26c5Fs/s320/P1000956.JPG) |
Miradoiro dos Torgás. |
Xa na tardiña, achegámonos ao pobo de San Lourenzo, por carreteras imposibles, para ir ver a recén descuberta
necrópole de San Vítor.
![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEjMkBm41fbOOqtX4imF96EkhKadJANiK0vpk7mWESAPRIxKaAuhbgi0r5x597F8h_Na-uPmfRLd8m-xyzyxr4CR96ojvsSG87Z9BE5GgEYZIOd-E8LHlq9os09pvcBj9EzGkL2F4lD2JyQ/s400/P1000973.JPG) |
Necrópole de San Vítor de Barxacova. |
Unha agradábel xornada no lugar dos topónimos que enchen a boca: Cristosende, Barxacova, Sacardebois, Purdeus Rabacallos, Lumeares... Nomes que son antídoto contra a desmemoria.